VI Certame Literario X.C. Gómez Alfaro

HOMES E MULLERES DO MAR

2024

"O titán azul" de Angie Leis Matos (O Rosal)

Hai moitos anos, nunha vila galega situada na Costa Atlántica, xunto a desembocadura do Río Miño, naceu unha nena á que os seus pais lle puxeron de nome Marina. Filla de Manuel, un mariñeiro apreciado, e de Nieves, tamén descendente dunha familia de mariñeiros, Marina era a sucesora dunha gran cantidade de navegantes. Esta nena, sumamente coñecida na vila polo seu gran corazón, axudaba en canto podía con todo o que estaba ao seu alcance. Todos a querían e a apreciaban, pola dozura e amabilidade que posuía. Foi criada nunha familia humilde e traballadora, na que primaban os valores e virtudes ante a riqueza. Marina, xa dende moi pequena, entendeu o difícil que era pór cada día comida na mesa, e encargouse de facilitar o día a día dos seus pais. Moi pronto aprendeu a facer as tarefas do fogar, pasando moitas horas traballando na panadería coa súa nai, mentres seu pai embarcaba e pasaba longas tempadas no mar.

Marina e o seu pai, Manuel, estaban realmente unidos. Ela sentía unha profunda admiración por el. Era un home traballador, namorado do mar e do seu traballo. Cando estaba en terra, sentábase na súa butaca, e ela, no chan, apoiando os seus diminutos brazos nas pernas do seu pai, escoitando como el, lle contaba historias sobre sereas indicando camiños; barcos piratas asaltando navíos; monstros que vivían no mar, ou "TITÁN AZUL", como o acostumaba chamar. Era o seu momento preferido, onde pai e filla gozaban de estar xuntos. Marina miraba a Manuel con ledicia nos ollos, con amor no corazón, e el, acariciáballe o pelo con tenrura, narraba relatos con paixón, querendo ca súa filla amase ao océano tanto coma el.

Ao longo da súa vida, Marina, tivo que soportar as continuas partidas do seu pai cara ao mar. Ela apreciábao moito, doíalle velo zarpar co seu barco, "O Titán", e desaparecer no infinito horizonte. Ela sempre lembraba as ansiadas historias que lle contaba o seu pai, onde seres inimaxinables agardaban aos navegantes.

Manuel, ao ver ca súa filla choraba tanto pola súa ausencia, regaloulle un medallón prateado, non tiña moito valor, pero, o seus ollos ilumináronse o abrilo e contemplar a foto que gardaba: unha foto deles dous, sacada pola súa nai, cando estaban sentados na butaca. Marina emocionouse moito, e creu que o colgante era máxico, que protexería ao seu portador. Sempre que botaba de menos ao seu pai, abría o colgante e contemplaba o felices que eran cando estaban xuntos. Miraba o sorriso que tiraba dos seus labios cada vez que escoitaba esas historias que tanto valoraba.

Lembrar o tacto dos dedos do seu pai acariciándolle o pelo, desenredándollo, producíalle unha ledicia incomparable.

Posteriormente ao seu sexto aniversario, Manuel tivo que volver ao mar. Cando estaban despedíndose, Marina deulle o colgante, dicíndolle que era máxico, e que o ía protexer, como el sempre lle dicía a ela. Manuel acercouse á pequena, mentres ela colocoulle o colgante no pescozo. Fundíronse nunha aperta. Marina aproveitou aquel intre para inspirar o cheiro do seu pai por última vez antes de partir. Ambas, nai e filla, choraban abrazadas ollando como o barco se afastaba delas ata desaparecer.

Ao dia seguinte, as dúas mulleres tiñan que seguir ca súas vidas. Marina volveu ao colexio e Nieves á panadería. Terían que traballar moito mentres Manuel non estivera.

Así ían pasando os meses...

Unha noite, mentres recollían a mesa, uns veciños chamaron a porta da súa casa. Nieves, asustada, abriu e invitounos a entrar. Tiñan unha expresión seria no rostro, algo non ía ben...

Con voz tremente anunciáronlle a peor das noticias: o barco do seu home desaparecera no mar, no medio dunha violenta tormenta. Marina tivo que suxeitar a súa nai para que non se caera. Intentou darlle seguridade, calma... algo que nin ela tiña. Coa súa corta idade, Marina xa entendera que non volvería a ver ao seu pai nunca máis.

Este momento perdurou no corazón daquela pequena para sempre. Foi unha perda moi grande que nunca máis superou. Todos os veciños daquela vila mariñeira, A Guarda, permaneceron unidos na dor e axudáronse uns aos outros para superar a traxedia. Demostraron ser un pobo unido, un pobo exemplar.

Pasaron os anos, e a pequena Marina converteuse nunha muller forte e traballadora, ao igual ca súa nai. Acabou os estudos de enfermería, e asistir os demais, axudoulle a esquecer o seu pasado. Moi pronto comezou a traballar nun hospital onde coñeceu a Tomás, un rapaz guapo e agradable con quen empezou unha relación. O capricho do destino fixo que Tomás tamén fora mariñeiro.

Tras uns anos xuntos, a parella casou e mudouse a unha casiña humilde cerca da parcela da súa nai. Xunto a Tomás, recuperou a felicidade, a súa vida emprendía un novo camiño. Con el, tivo ao seu primeiro fillo, Manuel. Marina púxolle ese nome en honor ao seu tan querido e anhelado pai.

Tomás educou a Manuel con amor ao mar, con amor a navegar, como o seu pai, como o seu avó.

Con dezaoito anos, Manuel rematou os estudos para poder ser primeiro oficial de máquinas, e puido cumprir así o seu sono, navegar co seu pai.

Cando chegou o momento, e unha vez rematados os preparativos, Tomás reuniu a toda a tripulación. Estaban moi emocionados, sobre todo Manuel. Tiña moitas gañas de empezar a navegar. Era a súa primeira marea.

Antes de subir ao barco, o mozo detívose no embarcadoiro, impresionado pola dimensión daquel buque palangreiro que sería o seu fogar durante os vindeiros cinco meses. Temeroso, seguiu os doce experimentados homes que formaban a tripulación.

Mentres Tomás, o Capitán, ensinaba todo o barco ao seu fillo, os mariñeiros cargaban as súas pertenzas. Todo estaba listo para levantar a áncora do Porto de Vigo e dirixirse á Illa de Terranova pasando polas Illas Azores no Océano Atlántico, as mellores zonas para a pesca do peixe espada.

Os primeiros meses pasaron sen contratempos. No buque, Tomás daba ordes e Manuel as cumpría, coma o resto dos mariñeiros. O traballo era duro, e o descanso pouco, pero pai e fillo buscaban pequenos intres para reunirse na cuberta e observar o mar. Desfrutaban sen límites de ser parte dunha gran camaradería.

No buque, o aprendiz observaba como o seu pai establecía o rumbo e a velocidade do barco, dirixía a tripulación, e asegurábase de seguir os procedementos adecuados.

Algún dia, el tería que tomar o relevo. Cando non estaba aprendendo do patrón, o rapaz pasaba o tempo con Pablo, o xefe de máquinas. Xuntos encargábanse do funcionamento e supervisión da propulsión mecánica do buque. Era a primeira vez que exercía o seu posto como primeiro oficial e Pablo tiña unha gran paciencia para ensinarlle e corrixir o seus erros.

Manuel, aínda que entretido e feliz, non esquecía a súa nai, que estaba en terra.

Tras deixar atrás as illas de Azores, a unhas oitocentas millas da Illa de Terranova, as nubes cubriron o ceo de gris. A maioría dos tripulantes predicían a tormenta, pero fixeron caso omiso aos sinais. Seguiron traballando, mentres a borrasca se acercaba cada vez máis. A medida que pasaban os minutos, esta volvíase máis e máis forte, era un devastador ciclón. As olas eran descomunais, non había forma de escapar delas.

Todos loitaron unidos, loitaron contra o "titán azul". Tomás, contemplaba impotente como chegaba a dura fatalidade. Unha gran tristeza invadíao ao ver aos seus compañeiros, amigos e ao seu amado fillo, quizás por derradeira vez. Intuía que o final estaba chegando. Arrepentíase de haber inculcado no seu fillo a paixón polo mar, e de habelo levado ata aquel remoto lugar. Cansado e esgotado, loitou ata que chegou o inevitable, a gran ola. Recordou a súa familia, a súa querida Marina. Volver a perder ao amor da súa vida por segunda vez, como ía soportalo?

Nese intre deixou de adorar ao mar, e pasou a odialo. Ela non merecía todo iso, sempre foi una muller traballadora e loitadora. Nun tempo moi curto, mil cousas, mil pensamentos, atravesaron a súa mente. Ata que, "nada", o silencio invadiu aquel buque, o baleiro, apoderouse de cada mariñeiro...

"...A miña filla non volverá sufrir...", Manuel escoitou estas palabras antes de abrir os ollos e ver que se atopaba nunha praia. Asustado e sufocado, buscou coa mirada algunha cara coñecida, algún compañeiro, ao seu pai... Alí estaban todos, algúns feridos, outros simplemente atordados, pero todos vivos. Levantouse e foi correndo a abrazar ao seu pai. Nese intre, Manuel percatouse de que na súa man pechada, levaba un medallón prateado. No seu interior había unha fotografía, onde recoñeceu a súa nai, cun home, o seu avó. Ao levantar a cabeza e observar o seu arredor, viu no horizonte un barco afastarse ata desaparecer na néboa. Lembrou todas as historias que súa nai lle contara, e aínda que non puido identificalo, intuíu de que se trataba do TITÁN, о barco desaparecido do seu avó.

"Conta a lenda, que Manuel e a súa tripulación protexen a todo mariñeiro galego que estea no medio dunha tormenta ou calquera tipo de escollo que poda costarlle a vida, permitindo así que todas as familias agarden aos seus familiares en paz. A vida dun mariñeiro é dura, pero tamén o é a da súa familia, que soporta durante tanto tempo a incerteza de non saber se volverán.

Manuel sorteará todas as rochas do camiño, para poder salvar á xente do que el bautizou como "titán azul", ás veces tan bo compañeiro, outras, arrebatador de vidas.

Non podemos esquecer o seu nome, por que evoca un regueiro de vidas perdidas, de viúvas e de orfos. O "TITÁN AZUL".