V Certame Literario X.C. Gómez Alfaro
HOMES E MULLERES DO MAR
AVISO IMPORTANTE: Nesta 5ª edición o xurado decidiu que fosen 2 relatos os gañadores: "O soño de Max" e "O mariñeiro da ponte"
"O soño de Max" de Marea Amoedo Castaño (Redondela)
Hoxe falarei de Max, un neno de tan só 9 anos. O pequeno ía a un colexio concertado da zona. Despois de ingresar os 180 euros ao principio do trimestre, entrou na súa aula, comezando, desta forma, o seu primeiro día.
Max entrou coas mans tremendo. O seu uniforme resultáballe moi incómodo. Mirouse os zapatos azuis, os cales lucían postos debaixo dun pantalón vaqueiro.
-Nenos! -berrou a mestra. Este é...
-Eu son Max -explicou o neno.
A mestra guiou ao mozo a un pupitre baleiro. Max sentouse con medo. Custáballe facer amigos a o mudarse non lle axudaba. Sacou os libros e o resto da mañá transcorreu con normalidade. Pero... entón apareceu o recreo, e, con el, o medo no interior do neno. Colleu a bolsiña da merenda, de tea azul cun balón de fútbol debuxado no centro. Max sentou nunha esquina e agardou a que o día pasase.
De volta na casa, Max entrou pola porta e escoitou os seus pais berrar a todo pulmón. A súa irmá choraba no cuarto. Max colleuna do berce e deulle un pouco de leite. Laila volveu quedar durmida.
Max tirou a súa mochila na cama desfeita. Baixou á cociña onde os seus pais seguían discutindo. Max fíxose un bocadillo sen que ninguén se decatase de que collera. O neno saíu da cociña coas mans cheas de comida. Tirouse na súa cama e as bágoas comezaron a correr pola súa meixela; choraba polo nefasto día no colexio, polas pelexas dos seus pais, por mudarse... E, entón, quedou durmido. Soñou cun mundo distinto.
Max imaxinouse debaixo da auga. Atopábase a carón dun coral. Un grupiño de peixes atopábase ao seu redor. O neno botou a nadar. Atopou unha gran balea que pasaba ao seu redor. Max, nun salto, subiu no seu lombo.
-Corre! -berrou Max. Como te chamas? Eu son Max...
-Son Valentina -á balea saíulle unha voz doce. Por certo, imos á rúa Troita.
-Que? Como que... "Rúa Troita"? -preguntou. Max estaba máis sorprendido polo nome da rúa que por estar subido nunha balea falante.
-Si, claro! Se é a rúa máis famosa da vila! -Valentina fixo unha pausa- . Bo! Son parva!! Ti ves da Terra. Outro humano máis. Vamos a unha reunión do Comité de Seguridade Mariña, o CSM, como se chama xeralmente.
-Pero... se isto é xenial! É todo moi tranquilo -comentou Max. Para que se necesita seguridade? Non o entendo!
Max estaba confuso. Valentina, en cambio, calou e acelerou. Ao neno, abraiado, non lle quedou outra que abrazarse ao lombo do animal e seguir. Un bo rato despois, Max observou o nome en maiúsculas: "Troita". Entón apareceu unha rúa con moitos edificios que lucían ventás redondas. A rúa daba paso a toda unha cidade. Seguiron avanzando, ata dar cunha gran porta de metal. Max baixouse do lombo de Valentina. Subiron unas escaleiras, de cor madeira, cun pasamáns de ouro. Chegaron a unha sala. A balea abriu unha porta.
-Baleas! -exclamou Valentina-. Corre, Max, que é tarde.
Os dous sentáronse. Max observou un peixe pallaso con traxe de cadros, branco e gris. Tiña unha gravata escura. Nela aparecía unha placa co seu nome: Simes. Ao seu carón, un golfiño femia chamado Alma. Á súa esquerda, unha nena. Ela non tiña chapa.
-Ola, Valentina. -Simes ergueuse e entregoulle á compañante de Max unha chapa co seu nome. -Estamos todos? -preguntou o peixe pallaso, moi serio-. Simes continuou facendo o reconto.
-Os animais están todos -dixo. A continuación, mirou a nena que estaba a carón do golfiño. Marla e Alma? -Simes anotou os nomes nunha folla e seguiu co reconto.
-Perfecto, perfecto. Estades todos. Nenos e nenas, supoño que vos preguntaredes que facedes aquí. Os mares están sendo atacados pola contaminación. E ímosvos dar unha carta dicíndovos o que debedes facer.
A Max entregáronlle un sobre pechado que poñía, en maiúsculas, "NON ENSINAR A HUMANOS". Max abriu a carta mentres Valentina o ollaba curiosa. O texto dicía:
"Bos días. Son Simes. E, se esta carta chegou ao seu destinatario, ti debes ser Max Díaz, non si...? Escríboche isto porque, como expliquei na reunión, os seres humanos estades ameazando o planeta... e as augas. Polo tanto, pídoche a ti, que sei que nos queres axudar a nós, os peixes, os golfiños, as baleas... Debes concienciar aos HC (Humanos Contaminantes) do dano que nos fan a nós, os BM (Bos Mariños). Max, tes unha importante misión. Axúdanos a liberar os mares de residuos contaminantes. Será difícil e quererás tirar a toalla. Para eses momentos regalámosche o colar Max. Cando o premas, poderás falar coa túa acompañante, Valentina. Boa sorte, Max!"
O neno sacou un colar azul do fondo do sobre. Tiña unha M en maiúscula da cor do ceo.
-Max, Max! Fillo! É tardísimo! Debemos ir á clase... Se non apuras non chegarás a tempo! Baixa, que o almorzo está listo! -berroulle a súa nai dende a planta de abaixo.
Max golpeou a cama frustrado de que todo fose un soño; de que tivese que volver á rutina...
Pero, entón, o cativo xirouse e atopou un colar azul cunha M maiúscula da cor do ceo. Era real!! Max tiña que salvar os mares!
-Mamá, nós contaminamos?
"O mariñeiro da ponte" de Nerea Pino Castro (Ponteareas)
En Redondela, fermoso pobo da provincia de Pontevedra, vivía unha familia de mariñeiros.
Os mariñeiros, eses homes e mulleres do mar, que traballaan arreo, namentres nós durmimos, eles van na procura do noso alimento, arriscando moitas veces as súas vidas.
Pois ben, Leandro era un deses homes do mar e Marisíña a súa dona.
Un matrimonio novo con dous fillos pequenos. Leandro adicábase á pesca da merluza, Marisíña era percebeira.
Un bo día do mes de maio, aparentemente unha mañá coma outra calquera, Leandro saía na súa embarcación na procura dunhas boas merluzas que pescar. Apenas o reloxo marcaba as 4:00 h da mañá cando o noso home do mar, Leandro, se puña en pé para gañar o seu día e ter algo que levar a casa, o fin da xornada, no mar.
Marisiña quedaba un intre máis na cama, non sen antes desexar ao seu esposo moita sorte en esa xornada mariñeira.
O mar tiña unha calma que mesmo asemellaba un meniño no seu berce. Leandro, xa estaba preto da ponte que se estaba a construír, alá polo ano 1975. Era unha ponte moi longa cunhas columnas de formigón que asemellaban xigantes.
A embarcación de Leandro non era moi grande, teria uns 9 m de eslora (longo) por 3 m de manga (ancho). De súpeto, Leandro, avistou unhas luces de cor vermello que se acendían e se apagaban cada dous segundos, parou a súa embarcación e achegouse ata o lugar de onde saían as luces. Un home alto e moi delgado estaba mirando fixamente cara Leandro e preguntoulle:
- A onde vai vostede? Ao que o noso home do mar contestou:
- Vou á pesca da merluza!
- Iso se eu o permito! - Respondeu aquel personaxe misterioso
- Quen é vostede para decidir se eu paso ou non por esta ponte? Preguntou Leandro.
- Son " O MARIÑEIRO DA PONTE"
- Pois eu son Leandro, o fillo de miña nai. E paso por esta ponte cantas veces precise.
Aquela resposta pareceu non gustar a aquel estraño home, que levantando un brazo cara o ceo, fixo que un lóstrego partise a barca de Leandro pola metade, caendo así este a auga.
- Axuda, axuda! - Gritaba Leandro.
- Vostede toleou ou que ? - Díxolle o noso home do mar a aquel enfurecido anciá.
- Xa che dixen que pasarás se eu o permito.
- Dacordo, dacordo! - Contesta Leandro.
- Que é o que teño que facer para poder pasar a ponte?
Naquel mesmo instante o ancian achégase a Leandro e sacándoo da auga, dille:
- Hai unha moza no teu pobo que é filla dunha muller que eu coñecía e da que estiven namorado. Necesito que me traias esa rapaza aquí onda min. Quero coñecela!
- Paréceme moi ben todo isto, pero eu que sei quen é a moza.
- A moza chámase Marisiña, sabes perfectamente quen é.
A Leandro cambioulle a faciana cando escoitou aquel nome, posto que era a súa esposa.
- Santo ceo, esa é a miña muller ! Dixo Leandro.
- Pois así máis doado o tes para convencela de que veña contigo.- Responde o estraño home.
- Verei o que podo facer.
Esa mañá Leandro, xa non quixo seguir levando máis sustos e cando viu aparecer unha barca ao lonxe, fíxolle sinais dende a auga, e a barca foise achegando ata poñer a salvo o noso mariñeiro.
Sen dar moitas explicacións, Leandro, pediulle ao dono da barca que o rescatou que o achegase ata o seu pobo en Redondela.
Unha vez na casa, e sen nada de pesca esta vez, a súa muller preguntoulle que lle acontecera para que trouxera esa cara de susto e as nasas baleiras.
Leandro contoulle o que lle acontecera preto da ponte que se estaba a construír.
Marisiña non podía crer o que o seu esposo lle contaba. Mesmo chegou a dubidar se iso sería certo. Pero como o seu home nunca lle mentia, máis medo lle deu o que Leandro lle contaba.
Pasaron dúas semanas e Leandro seguía sen querer saír a faenar.
Marisiña ia todas as mañás coas súas compañeiras na procura do percebe.
Unha tarde, a nosa muller do mar, xa non podía aguantar máis aquela situación e mentres os cativos durmían a sesta, ela foi falar co seu home.
- A ver, espabila xa e dime onde teño que ir e con quen teño que falar.
- Non, non quero levarte onde ese home da ponte.- Díxolle Leandro a súa muller.
- Pois ou me levas ti, ou busco quen me leve, non lle teño medo a esa persoa.
- Marisiña, por favor, pode ser perigoso que te acerques a el. Pode querer matarte, e despois que é de nós, os teus fillos máis eu? - Dixo Leandro preocupado.
- Quero ir e non se fale máis. - Dixo moi cabreada Marisiña.
- Deus me de paciencia! - Rosmou Leandro entre dentes.
A mañá seguinte, ben cedo, deixáronlle os pequenos a unha veciña e o matrimonio partiu nunha nova embarcación cara a ponte.
Despois de un intre navegando xa empezaron a ver as luces vermellas que se acendian e se apagaban.
- Ves, ves, aí está o "MARINEIRO DA PONTE". - Díxolle Leandro a Marisiña.
Pois tranquilo, non pasa nada, a ver que é o que me quere ese home.
Marisiña era máis valente co seu esposo. Unha percebeira, despois de enfrontarse a morte tantas veces, para poder coller os percebes naquelas rochas tan perigosas nas que a auga bate con moita forza, xa non lle teme a nada.
Unha vez preto da ponte, fondearon a súa barca e esperaron a que o estraño home se acercase a eles. Levaban preto de unha hora e o señor estraño non aparecía.
- Vámonos! - Dixo Leandro.- Este home hoxe non vén!
- Non, espera un anaco máis! Respondeu Marisiña.
Estaban en plena discusión de se marchar ou quedar e escoitase un forte ruído preto deles.
- Deus bendito! - Grita Leandro a tremer co medo.
- Bos días! - Grita Marisiña a morrer coa risa.
- Bos días, Marisiña! - Di unha voz ronca e o mesmo tempo tremorosa. - Desexaba moito coñecerte, pois cando ti naceches eu xa morrera.- Dixo aquela voz estraña.
Aí si que Marisiña deixou de rir.
A súa cara cambiou de súpeto, e a súa fala non viña.
- Son teu pai Marisiña, chámome Xaquín. - Eu era mariñeiro tamén coma vós. Un día un golpe de mar volcou a miña barca aquí por esta zona e ningún dos da tripulación nos puidemos salvar. A túa nai era a miña moza e ti estabas en camiño pero eu xa non cheguei a coñecerte. Non te asustes, só quero darche un bico e unha aperta.
Marisiña e Leandro non sabían que facer, onde poñerse ou que dicir.
Ela quedou moi quietiña e deixouse facer.
Aquel "MARIÑEIRO DA PONTE" foise achegando a ela e deulle unha forte aperta e un bico frío pero sonoro.
Murmuroulle no seu oído :
- Quérote moito miña filla!
Marisiña e o seu home non podían moverse, estaban cheos de frío, asombrados.
De súpeto, un sol abraiante comezou a saír de entre as nubes, a néboa desapareceu e a PONTE DE RANDE apareceu diante dos seus ollos. Unha ponte forte, ben apoiada, ben estruturada sen medo a caer, unha ponte libre como a alma daquel MARIÑEIRO que como tantos outros , intentando gañar a vida, pérdena no MAR.
Adicado a tódolos HOMES E MULLERES DO MAR