II Certame Literario X.C. Gómez Alfaro

HOMES E MULLERES DO MAR

"Amores Mariñeiros" de María Calvar Giráldez

Eu quixen voar, coma as gaivotas no porto. Eu quixen navegar, por mareas e océanos. Eu quixen facerme ver, coma o faro no cantil. Eu quixen ser libre, coma os peixes dos mares, pero sobre todo, eu quíxena a ela.

Eu era un mariñeiro, o meu barco era pequeno pero forte, encantábame navegar, era algo que non se podía explicar, sentíame ben, libre, sen preocupacións. O mar era o meu fogar, o único lugar onde quería estar, ata que a coñecín.

Ela era unha moza fermosa de cabelo negro e rizo, moi intelixente e espontánea, aínda recordo hoxe como me namorei.

Baixaba do meu barco, facía dúas semanas que estaba en alta mar, era case noite o sol comezaba a desaparecer e ela camiñaba pola praia, case deserta.

Namoreime nada mais vela era como unha fermosa serea, achegueime e comezamos a falar.

Fomos felices ata que decidimos ir vivir onde nacera, unha aldeã fermosa, pero sen algo moi importante para min, o mar. Nela só había catro casiñas, unha igrexa e campos e máis campos, custárame moito traballo deixar o meu pequeno barco, deixeino a bo coidado, iso si, mais botaríao en falta. Fomos vivir alguns anos á súa aldeã, no lugar onde ela era feliz, onde ela estaba a gusto, mais eu notaba que algo faltaba no meu interior.

Despois de varios anos sen ver o mar, fomos unha tempada a casa dos meus pais. Por fin volvín ver o meu tan querido fogar. Volvín ver as ondas, as gaivotas, as barcas na praia...

Ao segundo dia fun onda o home a quen lle deixara o meu barco. Un home de barba branca e crecha, moi forte e un bo mariñeiro. Contoume que nun día de treboada no que o mar estaba picado e volvía de pescar, cando xa divisaba o faro, unha gran onda pasou por riba del e máis do barco, el tivo sorte, mais non se podía dicir o mesmo sobre o barco. Custoume moito asumir que o meu querido barco xa non estaba.

Ao terceiro día fun á taberna á que adoitaba ir cando aínda vivía alí. Atopeime con vellos compañeiros mariñeiros, pasamos un bo anaco. Por un momento esquecín que aquilo ia ter un fin, que dentro de poucos días volveríamos á nosa casa, mais non ao meu fogar.

Nese mesmo día, cando o sol comezaba a desaparecer, fomos á praia, á mesma praia onde nos coñecemos. Estivemos alí ata que se fixo noite, todo aquilo fixonos moi felices. Lembrei todos os bos momentos naquel pobo costeiro, non quería volver á aldea onde vivíamos agora, non quería ter que volver deixar o mar atrás.

Ao día seguinte, moi cedo, espertei e fun en busca dunha barca. Vendéronme unha que non estaba en moi bo estado, precisaría uns retoques. Traballei nela ata que o reloxo da igrexa deu as nove. Entón deixeina na praia e volvín a casa.

Durante todo o día non lle contei nada, non quería que soubese que tiña unha barca. Non sei se foi por medo ou por sorprendela, só sabía que as cousas irían mellor se non llo contaba, non tiña porque ocultarllo para sempre, só esperaría algúns días para dicirllo.

Despois de varios días traballando nela, quedou coma nova. Ese mesmo día, cara á noitiña, marcharíamos outra vez á aldea, á nosa casa rodeada de campo e catro casiñas, sen mar a quilómetros de distancia.

Pasou o tempo e o sol desapareceu, iamos camiñando; ela buscando un taxi, eu cruzando os dedos para non atopar ningún ata chegar á praia. E xusto cando ela distinguiu de lonxe as súas raias brancas e vermellas, eu collina da man e leveina ata a beira do mar a carón da miña barca.

Preguntoume que faciamos alí. Eu non lle contestei, só comecei a empurrar a barca cara ao mar, despois, inviteina a subir e comezamos a navegar. Todo fora moi fermoso, a lúa e as estrelas brillaban no ceo e reflectíanse no mar. O seu cabelo negro perdíase na noite e os seus ollos, brillaban como luceiros. Ela era feliz, e eu tamén.

Cando chegamos á altura do faro parei de remar e comecei a falar. Conteille que eu non quería volver á aldea, non por agora, precisaba pasar uns días máis na costa, no mar. Non estaba preparado para volver deixar o mar atrás. Os dous falamos e decidimos que ela marcharía á aldea e eu quedaría un pouco máis na costa.

- Non tardarei moito, unha semana, non máis - dixen eu.

E contestoume: - Tarda o que queiras. Eu esperareite por sempre.

E así foi, ao día seguinte ela volveu á aldea e eu quedei no pobo. Decidín embarcarme, e coa miña barca suquei o mar guiándome cun vello compás de peto que herdara do meu avó. Sabía a rota de memoria, tardaría aínda algunhas horas en chegar, mais non me importaba, eu só quería volver pisar a miña illa.

"Terra á vista" - pensei nada máis ver a tan desexada illa -. Non deixaba de ser un neno, un pequeno tripulante. Na miña mente aínda seguían os recordos felices, aínda lembraba ao meu avó remando para levarme á illa cando de cativo, aínda lembraba os seus brazos osudos e débiles remando mellor ca ninguén. A súa idade nunca fora impedimento ningún. Como me gustaría volver velo, aínda que só fose unha vez.

Varei na praia que tantas veces pisara, e na que tantas alegrías e penas vivira. Non lembraba aquela brisa de verán, nin tampouco o son dos paxaros. A praia seguía coma sempre, deserta. Esa illa era o lugar onde ía cando quería estar só, nela a tranquilidade invadíame.

Camiñei ata chegar á pequena casiña que construíra o meu avó. No seu interior todo seguía igual ca sempre. Quedaría alí por uns días, despois voltaría a terra firme, á aldea a carón da miña amada.

A primeira noite na illa non puiden durmir, foime imposible, notaba que me faltaba algo. Púxenme a darlle voltas sobre o que facer, non quería volver á aldea, mais alí estaba a persoa que roubara o meu corazón, quería seguir alí na illa; mais ao mesmo tempo tiña ao meu avó moi presente na miña mente, e iso facía que unha e outra vez me preguntase porqué se tivera que ir.

Nos días seguintes as cousas non melloraron, mesmo empeoraron. Descubrira vellos documentos no escritorio do meu avó. Neles tiña apuntadas moitísimas cousas sobre a illa. Todas as especies de aves que atopara, cando eran as precipitacións máis abundantes, os cambios das mareas... E entre papeis e po, atopei algo terrible. Nun vello caderno con todas as súas follas soltas e roidas pola trilla, atopei unhas anotacións do meu avó, e onda elas un calendario debuxado a man cunha data marcada en vermello. Comprobei con espanto que nese día habería unha das maiores mareas vivas que inundaría toda a illa, quedaría asolagada baixo a auga. Faltaban só tres días para o día sinalado, en só tres días desaparecería todo, tiña setenta e dúas horas para despedirme. Iso era moi pouco tempo para asumir que tantas cousas afundiríanse con ela, non podería aturalo, sería demasiado triste.

Pasaron os días e chegou o momento de saír da illa e ver como era engulida polas augas. Despois de poucas horas volvería baixar a marea e a pequena illa volvería existir, mais os momentos vividos e as pequenas lembranzas que non aboian, quedarían baixo o mar para sempre.

Subín á miña barca e quedei nela vendo coma a auga subía aos poucos, pero sen acougo.

Cando a illa case non se miraba, notei como a barca abaneaba, vireime pero ás miñas costas non atopei a ninguén. Entón escoitei unha voz que recoñecín ao instante, unha voz que levaba moito tempo sen oir, pero aínda así, souben que quen me falaba era o meu defunto avó.

- Ah do barco pequeno mariñeiro! - dixo el coa súa voz rouca pero cariñosa ao mesmo tempo-. Non perdamos máis tempo. Voga, voga!

Eu mirei cara á illa que desaparecía.

- Non te preocupes pola vella illa, non lle pasará nada. Cantas veces a marea a enguliu, e volveu aparecer tan fermosa coma sempre.

O meu avó sabía do que falaba, eu confiaba nel non me mentiría.

- Tes razón avó, a nosa illa estará ben.

- Polas barbas de Neptuno! Pois claro que estará ben. Veña mariñeiro voga, non hai tempo para pararse agora con longas explicacións. Pon rumbo ao porto e rápido.

Remei como había moito tempo non remara. Foi unha sensación que non lembraba, a de estar eu e o meu avó, os dous sós no medio do mar. El tamén remaba, coma sempre parecía que non lle custaba traballo ningún, coa súa normal tranquilidade. Aquel era o meu avó, quería dicilo, quería gritalo, que todo o mundo o soubese. Estaba orgulloso de ser o seu neto, e quería que el tamén estivese orgulloso de min.

Nun momento non puiden aturalo máis e gritei con todas as miñas forzas: - Quérote, e non quero que volvas marchar!

Entón comecei a chorar, as bágoas saían dos meus ollos, esvaraban polas miñas meixelas e caían no inmenso mar azul, mesturándose coa súa auga salgada e perdéndose para sempre naquelas augas incontrolables.

- Non chores mariñeiro. Queres facer que o mar creza aínda máis? Eu non podo quedar aquí, e non se pode facer nada. Pero tes que volver á aldea, a xunto da túa amada, ela espérate e conta contigo. Pronto serei bisavó, teredes un fillo, quero que non te preocupes por min, só preocúpate polo teu meniño, el será un bo mariñeiro, asegúrocho. Só che pido un favor, que o pequeno se chame coma min - rematou de falar o meu avó.

- Prométocho - dixen eu secándome as bágoas coas mangas da camisa.

- Agora voga ata chegar a terra firme, non perdas o tempo e vai a carón da túa familia- dixo el. E desapareceu.

E voei como as gaivotas no porto. Naveguei por mares e océanos. Fíxenme ver coma o faro no cantil. Fun libre como os peixes dos mares, pero sobre todo e ante todo, quíxenos a eles.