I Certame Literario X.C. Gómez Alfaro

HOMES E MULLERES DO MAR

"Ata onde o corazón te ordene" de Lara Suárez-Mira Reija

Segue. Nunca pares de nadar. Goza das suaves ondas do mar acariñando a túa escamosa pel. Pero, sobre todo, pase o que pase, segue nadando. Si algunha vez che falto e non sabes por onde ir, lembra que sempre tes que seguir ata onde o teu corazón te ordene.

Son as 15:30 e non son quen de resolver un exercicio de matemáticas. A verdade é que a materia é un pouco difícil. Cando saio da escola e vexo o fondo mariño cos seus peixes, as súas algas e as súas miles de cores, síntome realmente libre. Por fin soou o timbre da finalización das clases e, como fago sempre logo dun duro traballo, subo á superficie. O meu pai non se decata porque está traballando, pero si fora por el non podería facer a metade das cousas que fago.

Chámome Aral e para quen non o saiba, son unha serea. Os mariñeiros din que as sereas somos seres mitolóxicos que só servimos para despistalos mentres traballan e así conseguir que se veñan connosco ao fondo. Iso é conto. Todo o mundo sabe que os humanos non poden respirar debaixo da auga. Pero non vou dicir nada. Polo de agora.

A verdade, cando subo á superficie e atópome aos humanos pescando ou recollendo as súas redes, nasas e palangres, ou aos percebeiros loitando nas pedras, experimento unha sensación de liberdade. Sempre lles estou axudando en todo o que podo. Ás mariscadoras doulles conversa, aos pescadores axúdolles cando os seus anzois prenden nas rochas e non conseguen sacalos eles sos, e tamén axudo aos mariñeiros coas redes.

O meu pai é moi desconfiado e non me deixa axudar aos humanos porque di que eles nos desprezaron durante décadas, pero iso é auga pasada. En realidade non son malos. Só necesitan que lles deamos un pouco de peixe do noso fondo do mar para que eles poidan comer.

Pero fan unha cousa mal: emporcar. Se deixasen de tirar todos os plásticos ao mar e moitas outras porcalladas, todos viviríamos en paz e harmonía.

Hoxe a xogada saíume moi mal. O meu pai seguiume o rastro e viu cos seus propios ollos todo o que fago para beneficiar aos mariñeiros. Castigoume.

- Pero papá, non me podes castigar porque intente facer do mundo un lugar mellor, no que non haxa diferenzas entre sereas e humanos - Díxenlle.

- Miña filla, non entendo por que lles queres axudar si eles o que fan é pescar os peixes pequenos e arruinarlles a vida - Contestoume.

- É moi sinxelo papá, eles queren comer. Teñen o mesmo dereito que ti e máis ca min. O peixe ten moitos elementos beneficiosos para o organismo. Ademais, non debes esquecer que os mariñeiros teñen moito traballo e levan moito tempo no oficio - Repliqueille.

Non debeu de gustarlle o ton que usei porque mandoume dereita ao meu cuarto. El sempre me dicía que seguise, que perseguise os meus soños, que chegase a onde me ordenase o meu corazón.

Sentín un leve rumoreo detrás da porta. Era miña nai que preguntaba si estaba ben. Contesteille que si e ela irrompeu na habitación. A miña nai e o meu pai eran o que máis quería neste mundo. Sempre tiñan unha solución para todo.

Ela díxome que a meu pai xa lle pasara a carraxe, que xa podía volver á mesa e que estaba todo arranxado. O desacougo non lle durara máis de media hora. Iso era o que máis me gustaba do meu pai. Por moitos erros que cometese sempre me acababa perdoando.

Empezamos a comer e déronme a noticia máis esperada da miña vida: dixéronme que podía traballar cos humanos sempre que eles estivesen vixiándome. Empezaría mañá.

E como sempre ocorre, mañá chegou. Ao saír da escola os meus pais viñéronme a recoller e ascendemos os tres, collidos da man, á superficie. Víronnos e animáronme a empezar a traballar, mirei aos meus pais para despedirme e...

- Pase o que pase. Sempre segue, persegue os teus soños, guíate polo teu corazón... ata onde o teu corazón te ordene.